Tuesday 14 de May de 2024

Máis de 600 escolares de Brión participaron nas actividades de conmemoración do Día do Libro


Máis de 600 escolares de Brión participaron a pasada fin de semana nas actividades programadas polo Concello de Brión para conmemorar o Día do Libro. A máis numerosa tivo lugar no CEIP de Pedrouzos, onde a compañía “Os Quinquilláns” presentaron a adaptación teatral de “Espantallo amigo”, unha novela escrita por Xosé Neira Vilas.

Á representación asistiu a totalidade do alumnado da escola, en total máis de cincocentos alumnos e alumnas repartidos en dúas funcións, que remataron cunha gran sorpresa final: o agasallo dun exemplar do libro “Espantallo amigo”. Unha sentida homenaxe ao recentemente finado Neira Vilas que foi posible grazas á colaboración do Concello de Brión, a Editorial Galaxia, a ANPA Andaravía e o propio CEIP de Pedrouzos.

Así mesmo, un total de 40 nenos e nenas da gardería de Brión, de entre 2 e 3 anos de idade, visitaron a Biblioteca Pública Municipal, onde puideron coñecer a sala de lectura infantil, botarlle un ollo aos libros dispoñibles e xogar coa mascota da Biblioteca, o camaleón Paco Sifón. Precisamente, este xoves 28 de abril, ás 18:00 horas, terá lugar unha nova sesión do Club Camaleón, unha actividade de animación á lectura na Biblioteca Municipal brionesa de participación totalmente libre e de balde.